Consultoría

AlasRaíces Consultoría:

intervención social dende e para o rural

No corazón de AlasRaíces tamén late a mirada social, o compromiso coas persoas e co territorio. Dende a nosa cooperativa, ofrezo servizos de consultoría especializada en intervención social e desenvolvemento comunitario, poñendo o foco no medio rural e nas súas necesidades específicas.

Ao fronte desta área está Cristina, traballadora social con perfil interdisciplinario e unha traxectoria profesional de máis de 15 anos. Formada en xestión de proxectos, investigación educativa, desenvolvemento comunitario, orientación familiar e terapia Gestalt, combina o rigor técnico coa sensibilidade artística, sendo tamén creadora plástica.

Cristina achega unha ampla experiencia en:

  • Intervención social directa e coordinación de proxectos, nas áreas de infancia, xénero, exclusión social, saúde mental, maiores, familia e desenvolvemento local.

  • Traballo tanto no ámbito público como no terceiro sector, en organizacións e institucións en España, Brasil e Uruguai.

  • Participación na formulación, execución e avaliación de programas internacionais en Bolivia, República Dominicana e Guinea Bissau.

Dende AlasRaíces Consultoría apostamos pola rehabitación da aldea, pola recuperación de espazos e vínculos, e pola construción de comunidades máis fortes, participativas e igualitarias.

En AlasRaíces Consultoría queremos poñer o traballo social ao servizo da transformación humana, social e territorial. Porque outra forma de facer é posible e queremos facela aquí, na terra, na aldea!

Se queres máis información non dubides en contactarme!

AlasRaíces: Consultoría
Descarga folleto informativo

Que ofrezo:

Asesoramento e acompañamento técnico a entidades sociais, administracións e empresas

Formulación, xestión e avaliación de proxectos sociais

Procesos de intervención comunitaria e traballo grupal no rural

Formacións e obradoiros en educación emocional, desenvolvemento comunitario, traballo social e terapia Gestalt

Acompañamento personalizado para profesionais do ámbito social

Poñemos o coñecemento e a experiencia ao servizo do rural, deseñando e implementando accións de intervención social, educación emocional, desenvolvemento rural e procesos artísticos participativos.

Combinamos técnicas de intervención social, arte, educación emocional e participación comunitaria. Traballamos para facilitar procesos de transformación real, humana e social, dende o rural e para o rural.

As nosas áreas de traballo:

1. CRECEMENTO PERSOAL E EDUCACIÓN EMOCIONAL

Apostamos polo benestar emocional como base para comunidades máis saudables e resilientes, ofrecendo:

  • Intervención terapéutica Gestalt, tanto en formato grupal como individual, dirixida a persoas ou colectivos vulnerables (mulleres, persoas inmigrantes, perceptores de RISGA, mocidade en risco…).
  • Supervisión e coidado de equipos profesionais, tanto en servizos sociais como en entidades do terceiro sector.
  • Talleres de educación emocional para persoas adultas e adolescentes.
  • Formacións e obradoiros de autocoidado e desenvolvemento persoal, especialmente pensados para persoas con alta carga profesional ou emocional.

2. DESENVOLVEMENTO RURAL E PARTICIPACIÓN COMUNITARIA

Coidamos e dinamizamos o territorio a través de procesos participativos e accións culturais:

  • Diagnoses participativas: para identificar recursos, necesidades e potencialidades das comunidades rurais.

  • Deseño e execución de proxectos culturais e sociais, tanto de recuperación da memoria rural como de posta en valor do patrimonio inmaterial.

  • Facilitación de procesos de participación cidadá, deseñando espazos de encontro, diálogo e creación colectiva.

  • Organización de eventos sociais e culturais, como ferramentas de dinamización e cohesión social.

3. INTERVENCIÓN SOCIAL

Ofrezo acompañamento técnico e intervención directa dende unha perspectiva comunitaria e intercultural:

  • Investigación social aplicada: estudos, análises e informes para proxectos sociais e comunitarios.

  • Deseño e implementación de procesos de integración social e multiculturalidade.

  • Elaboración de proxectos, memorias técnicas e informes de intervención psicosocial e comunitaria.

  • Formación de profesionais e voluntariado no ámbito da intervención social.

4. ARTE, MEMORIA E CREACIÓN PARTICIPATIVA

A arte como ferramenta de expresión, transformación e recuperación da memoria colectiva:

  • Talleres de intervención psicosocial a través da arte e a danza, empregando metodoloxía Gestalt, dirixidos a mulleres e adolescentes.

  • Procesos artísticos participativos para colectivos diversos.

  • Recollida de memoria rural e etnográfica, a través da fotografía, a escrita e as historias de vida.

  • Deseño de proxectos de creación comunitaria vinculados á recuperación da identidade rural.