Sobre nós

AlasRaíces S. Coop. Galega

é o acto de enraizar e despregar

AlasRaíces habita nunha aldea onde a vida volve tomar forma entre a terra e a madeira, entre o silencio do bosque e a risa compartida. É un lugar onde aprender a escoitar, un lugar no que se fala en galego e en francés, cun acento que conta historias de retorno, de decisións valentes e de vidas que se reinventan.

AlasRaíces somos nós, Seb e Cris, unha parella franco-galega que decidiu volver ao lugar dos seus devanceiros. Volvemos á aldea para aprender a vivir en saúde, para coidar a terra e para recuperar o saber e sementar novas formas de habitar o rural.

Nace así este proxecto de Dinamización Rural Integral, unha semente posta con agarimo e moita determinación. Porque AlasRaíces é equilibrio: entre as ás que nos levaron a coñecer o mundo e as raíces que nos fixeron querer quedar. Entre a man que constrúe e o corazón que coida.

AlasRaíces é un espazo de vida no rural, onde tradición e futuro camiñan da man

O noso proxecto medra a través de:

  • A recuperación da carpintería artesanal, para que non se perda o oficio nin o saber das mans.
  • A creación de espazos de encontro e formación, onde veciñanza e visitantes compartan aprendizaxes, experiencias e afectos.
  • A aposta pola promoción da saúde emocional, porque sen benestar non hai comunidade.
  • A loita contra o despoboamento, facendo do rural un lugar cheo de oportunidades, e non só de lembranzas.

En AlasRaíces cremos que a transformación social nace na proximidade, na comunidade, no traballo feito con tempo e sentido. Por iso desenvolvemos accións e servizos que abranguen desde a carpintería xeral á consultoría social, desde a terapia Gestalt ata a formación e obradoiros. Porque todo cabe nun proxecto vivo cando hai alma.

O noso voluntariado internacional

Viaxar sen marchar

Dende os inicios de AlasRaíces abrimos as portas da nosa casa e do noso proxecto a persoas chegadas de todo o mundo. A través de dúas plataformas internacionais de voluntariado, recibimos xa máis de 25 voluntarios e voluntarias de países como Francia, Alemaña, Australia, Canadá, Estados Unidos, Nicaragua ou mesmo a Illa Reunión.

Este intercambio é un dos piares do noso proxecto: este encontro é para os/as voluntarios/as unha inmersión no corazón do rural galego, onde coñecen xente local, practican oficios manuais, e descobren a autenticidade dunha terra que conserva as súas raíces.

Para nós, o voluntariado é aprendizaxe, interculturalidade, achegamento e coñecemento da cultura doutros países é comunidade e cooperación real. Tamén unha oportunidade de seguir viaxando a través dos encontros.

Nós na prensa: